Volven The Homens. O grupo compostelán de power pop regresa aos escenarios dez anos despois do seu último concerto e dezaseis trala publicación do último disco. Mantendo a formación orixinal, con Xocas (batería), Le Roi (baixo) e Martin Wu (guitarra e voz), a banda recupera a fórmula que os fixo ser, no primeiro decenio do século, un dos grupos con máis quilómetros do panorama galego. Enerxía e melodía, rabia e luminosidade: o trío do Castiñeiriño volve montar na furgoneta para repasar os seus EPS e os discos Tres (2007) e Cuarta potencia (2009) e presentar novas cancións que, quizá, acaben por formar parte dunha quinta edición discográfica.
Nesta nova etapa, The Homens combinarán en directo as cancións das súas catro referencias discográficas – #1, #2, Tres e Cuarta potencia – con temas novos nos que a banda recupera a urxencia guitarreira das orixes.
The Homens recuperan a camisa de raias para esta vida extra. O uniforme é a base do clip da canción ‘Calamar’, realizado por Roi Fernández e Isaac Cordal e premiado no Festival de Cans en 2008. Un dos éxitos do grupo que formará parte do repertorio dos concertos que virán.
