Saibran é o proxecto persoal de Cibrán García, a metade de Boyanka Kostova. Unha voz sen ataduras que se nos amosa tan instrospectiva – “Xa non sinto pasión, non lle meto presión, vivo nunha prisión, dor e autorepresión” – como reivindicativa – “Cubata en vaso de tubo, en vaso de tubo”. O rapeiro de Santiago é unha persoa moi inqueda a nivel creativo e busca aquí abrirse a facer cancións diversas nas que amosarnos as entrañas. Un proxecto para experimentar no muisical, traballando con artistas coma Juait, Crnds, MØU, Julián Goicoa ou Fiz García. Saibran presenta este outono o seu primeiro disco con concertos dinámicos e con instrumentación en directo de baixo e batería que irá do máis orgánico e analóxico á electrónica máis pura. Gustarache se es unha persoa “espacial, un desafío total”.
ATARDECER HARMONIOSO CON GOTAS DE PRIMAVERA
Este primeiro disco forma parte dunha triloxía que comeza cando cae o sol e que nos derivará pola noite ata chegar ao after. Está gravado e producido por por Julián Goicoa, baixista do proxecto, e composto por Saibran e Fiz García, batería do grupo. Sete temazos en progresión que van dos 86 bpm de “O quinto mundo” aos 130 de “Tarde”. Con colaboracións de Mundo Prestigio en “Poema” e de DJ Mill en “Puretismo” e “Tarde”.
