Psicotroita

A Psicotroita é un monstro fluvial amante da boa música que aparece a finais de setembro nos arredores de Sigüeiro e en contreto na Área Recreativa do Paseo do Carboeiro. Ano tras ano o Psicotroita fai a súa maxia e mestura artistas de aquí e de acolá para ofrecernos o seu cóctel particular. Un que sabe guitarreiro, a garaxe, a power pop, a rock&roll, a psicodelia, a sofás de herba seca, á agulla do vinilo. O que ten de vintage, que algo ten, tamén o ten de presente e de futuro.

O Psicotroita naceu no ano 2012 e en 2026 celebrará a súa décimo primeira edición co espírito co que foi concibido intacto: crear un festival con personalidade propia que conecta bandas galegas e artistas en galego dos estilos do festival con proxectos semellantes do estado e interancionais. Un evento que xa achegou a Sigüeiro artistas dos cinco continentes sen deixar de apoiar e de ter o foco posto na escena local e nos proxectos en lingua galega.

Un festival que desde os seus inicios estivo atravesado pola identidade de Oroso: o río, as troitas, a tradición da Festa da Troita e o imaxinario do Psicotroita conforman unha personalidade única que diferencia o festival e o conecta co lugar no que nace. Trátase dun evento musical e cultural pensado expresamente para unha vila como Sigüeiro, aproveitando os seus espazos verdes e as zonas de lecer veciñal, integrándose neles con respecto, responsabilidade e coidado. Un festival cómodo, divertido, interxeracional e familiar na que todas as persoas e animais da casa son benvid*s.

A oferta musical do festival complétase cunha parte gastronómica inclusiva, pensada para non deixar a ninguén atrás, e cun equipo humano e técnico formado por profesionais con ampla experiencia no sector, garantindo así a calidade, a seguridade e o bo funcionamento de todas as áreas do evento.

INSTAGRAM: https://www.instagram.com/psicotroita/?hl=es
FACEBOOK: www.facebook.com/Psicotroita/