Fillas de Cassandra

Fillas de Cassandra, grupo conformado polas músicas viguesas María SOA e Sara Faro, é un dos proxectos galegos máis recoñecidos da actualidade na península, con presenza destacada tanto en festivais como en feiras profesionais. En 2026 publican Tertúlia, o seu segundo disco: un álbum creado por Fillas de Cassandra, con produción musical compartida con Çantamarta e editado por Altafonte.

 

Tertúlia desvela o cotiá, movéndose entre a provocación e a tenrura, toma a forma dunha tarde de cháchara á fresca coas veciñas, dunha chamada entre amigas, dun baile ata a extenuación.

 

Fillas de Cassandra presentan este segundo álbum logo de publicar en 2025, Hibernarse, un proxecto expandido en formato EP, fanzine e videofilme que reflexiona sobre a pausa necesaria para os procesos creativos. Tras máis de 130 concertos nos dous últimos anos e despois de se converteren nunha das grandes revelacións do panorama musical grazas ao seu álbum debut Acrópole e á xira Últimas Dionísiacas, o dúo presenta tamén novo espectáculo cunha proposta sonora e estética que transita da casa á praza, da sobremesa á verbena. Un directo enérxico e alborotador no que o público é parte da tertúlia.