Clo Plas

Clo Plas é o proxecto de Xiana Arias xunto ao artista sonoro Berio Molina. O seu traballo xorde da oralidade, desa fala que é ao tempo íntima e estraña, e que transporta todo o peso ao lugar ao que pertencemos, sempre baixo a complicidade que supón compartir uns xestos, uns tics, uns fonemas. Coma se con eses pequenos matices sonoros ou co pequeno movemento da man ao tirar dun fío e desfacer un ‘xarsé’, nos falasen sen dicilo dos medos da nosa comunidade, dos nosos valores, da nosa forma de organizarnos, de como nos divertimos. Falan desde un lugar que se nos revela ruidoso nas fotos vellas e que agora está cheo de sombras. Pero aínda hai quen entoa unha nana escura sobre gardar nun cuarto todo o que importa.

Clo Plas son unha exploración da oralidade da montaña de Lugo con música experimental e midi. Un resultado ‘tenro e radical’ que atravesa os seus dous traballo: Bafi (2022) e Placa (2024).

Nestes tres anos de traxectoria Clo Plas levaron a súa proposta a escenarios moi diversos: festivais coma Escenas do Cambio, Os Eidos, Alguén Que Respira, o Festival Rosalía ou A Foliada da Fonsagrada; programacións coma Lazos Mecánicos do Museo de Arte Contemporánea do País Vasco, o laboratorio ACME en Madrid ou ao X Encontro de Cultura e Cidadanía.