Atrás Tigre
Estamos no vestíbulo da felicidade.
Agardamos o momento.
Non sabemos ben cando nos tocará, pero levamos o número entre os dedos.
Polo fío musical soa ATRÁS TIGRE.
Son voces suaves, melancólicas, agrestes, esperanzadas.
Voces amigas.
A banda volveu á Terra transmutada en trío,
logo de dous anos de exploración interplanetaria e de incursións
decididas no territorio da electrónica e da paisaxe sonora.
Os seus primeiros traballos deixaron no aire unha
bruma cálida. Agora esa bruma elevouse ata se facer atmosfera.
ATRÁS TIGRE é pop de luz e de sombra coma o pop dos soños.
Por iso nos acompaña agora, mentres agardamos.
Este é un lugar de paso, pero é aquí onde queremos estar.
Así que atendemos. Ata que chamen por nós.