Ver a Ataque Escampe en directo é unha experiencia difícil de esquecer. En efecto, o seu espectáculo é a restra de emocións —da sensualidade á euforia, da melancolía ao furor— que cabe esperar do grupo que leva desde 2008 escribindo a banda sonora do noso espazotempo en máis de 120 cancións: desde alfaias ocultas até auténticos himnos underground, como «Segunda división», «A vitoria», «Noites de agosto» ou «Lamborghini», entre moitos outros. Non hai dous concertos de Ataque Escampe idénticos porque todos os sitios son especiais e todos os días memorables. A que talvez sexa a banda máis camaleónica do país explora en cada directo non só o seu inesgotable fondo de armario, senón tamén territorios musicais exóticos e heteroxéneos que convidan, por momentos, ao baile, ao desenfreo ou á comuñón colectiva dun público estrañamente transversal: o pop con fulgores synth que practican nos últimos tempos tínguese, así, de cumbia, krautrock, disco ou soukous congolés, segundo pida o corpo. E o que pode un corpo non o sabera ninguén.
Coa súa facilidade para a melodía, as súas texturas imposibles e o seu espírito agridoce, Ataque Escampe é unha banda con dúas guitarras que non fai rock de guitarras; unha banda con alma electrónica que executa en rigoroso directo todos os seus cacharros; unha banda divertida pero tenra e vulnerable; unha banda, en fin, que ao cantar sobre a súa vida canta sobre todas as vidas: un auténtico ovni no panorama musical galego do século XXI.